lunes, 25 de junio de 2012

"Un máis"
   Só pasa o tempo para nós, os profes; vós sempre seguiredes, para min, en terceiro ou en cuarto da ESO, tendo 15, 16 ou 17 anos, os máis vagos.
   Quizais, este curso non; ao ver a Fran, terei a constancia cercana de que crecedes, de que dentro duns anos estaredes na carreira, uns, no camiño, outros, descubrindo un futuro, unha profesión, ou mellor, unha vocación.
   Non é doado dar clase a alguén da familia, sobre todo, a alguén a quen queres como a un fillo, polo que, as veces, vólveste máis débil no manexo na clase, pero tamén  che dá máis rabia, porque sentes que che está a traizoar a propia familia cando nin o teu sobriño fai os deberes ou non traballa. ¡Que parranoica, verdade!
  Onde irán os tempos nos que o neno Fran me pedía que lle marcase, co dedo enriba dun mapamundi, a rota da seda de Marco Polo e non se cansaba de escoitarme!
   Aínda conservo unha pequena libretiña, agasallo dun vello profesor dun instituto da Coruña, que ten case todas as follas garabateadas, e algunha afortunada, con nomes como Pokémon ou Digimon, aínda que a folla máis reveladora é a que engloba o debuxo e as matemáticas, pois hai pintadas catro boliñas dun lado e tres doutro que suman sete.  O máis sorprendente é que Fran escribiu isto un 18 de abril do 2000, con 6 anos e a mesma caligrafía de agora, de aí que o chamemos "o neno tipográfico", e que, xusto sete anos despois, un 18 de abril nacería o meu fillo. Pode haber coincidencia máis fermosa e pitagórica? A través das letras do meu neno-afillado tiña o anuncio do meu fillo.
  Nada, que me poño un pouco sentimental. Debe de ser cousa dos cuarenta. Bueno, non escribullo máis, que estou cansa. Oxalá teñades moita, moita sorte, todos, e disfrutedes de todo o que fagades sempre. Pero, aquí, entre nós e sen quen ninguén nos escoite,  facédeme un pequeno favor:
 "Traballade un pouco máis, ¡carallo!"














No hay comentarios:

Publicar un comentario